EXPOSICIÓNSVISITASPUBLICACIÓNSANUNCIOS

InicioServizosActividadesRutasEnlacesAmigos MuseoTrámites

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Actualizada:

31/07/2012

 

Resolución:

1024X768

 

Sala de Exposicións Temporais.

 

As exposicións temporais producidas polo Museo pretenden dar a coñecer, dun xeito ameno e didáctico, as características máis salientables da Prehistoria e Historia Antiga. As exposicións están deseñadas dun xeito didáctico, pero rigoroso, onde se matizan tantos tópicos que ensombrecen a visión que o público ten da nosa Historia. As exposicións nacen como temporais na sede do Museo, pero están concibidas para a súa itinerancia por outros centros culturais e educativos. As exposicións complétanse coa edición duns catálogos, a elaboración dunhas fichas didácticas e unha presentación multimedia que é ofrecida en cada inauguración.

Tamén se produce outra serie de exposicións titulada "Pioneiros da Arqueoloxía”, ideada co obxectivo de render homenaxe e, acaso, rescatar do esquecemento, ós nosos devanceiros, os pioneiros da arqueoloxía en Galicia.

Actual          Anteriores

 

 

Exposición Actual.

 

 

Exposicións Anteriores.

A Nosa Prehistoria.

Os Habitantes dos Castros

A Dominación Romana

Arqueoloxía da Terra Chá

Pioneiros. F. Maciñeira

Pioneiros. F. Bouza-Brey

 

 

A Nosa Prehistoria.

A Prehistoria comeza cando a humanidade da os seus primeiros pasos, esto non ocorre en todos os sitios á vez, o poboamento de Europa prodúcese hai dous millóns de anos, pero na actualidade non temos documentada a presenza de grupos de cazadores recolleitores na nosa terra ate hai medio millón de anos. O remate da Prehistoria situámolo hai dous mil setecentos anos cando da inicio a Protohistoria. O longo deste dilatado espazo de tempo a humanidade vai acadando o seu aspecto físico actual, mentres cas sociedades van evolucionando dende os primeiros cazadores nómades ate os labregos asentados nos primeiros castros. Lenta evolución, resultado da adaptación a un mundo cambiante e tamén ós influxos culturais externos, que marcará a sucesión de épocas e culturas que configuran A Nosa Prehistoria.

A Idade da Pedra Lascada, tamén chamada Paleolítico (de pedra vella), comeza coa chegada dos primeiros grupos humanos a Europa hai dous millóns de anos e remata coa aparición das sociedades campesiñas a redor do 5.000 a.C. Son grupos humanos de cazadores recolleitores nómades que vagan polas nosas terras na procura de alimentos, mantéñense fundamentalmente da caza de grandes mamíferos, como elefantes, renos, cabalos e bóvidos salvaxes que poboaron Galicia nestes tempos. Para protexerse das grandes oscilacións climáticas que se sucederon ó longo deste período habitaron covas, instalaron chozas de pólas e tendas de coiros, e se refuxiaron en acubillos baixo as penas; utilizaban o lume para cociñar e quentarse nos fríos períodos glaciares; e vestíanse con peles e coiros facendo cada vez roupas más complexas.

A Idade da Pedra Pulida, tamén coñecida como Neolítico (de pedra nova), comeza no 5.000 a.C. e remata tres mil anos despois; é un período marcado polo melloramento climático onde frutifican moitos cambios anunciados nos tempos serodios do Paleolítico. A adopción destes cambios está lonxe da pretendida idea de revolución, pois producíronse moi lentamente e con desigual implantación no territorio. As sociedades nómades de cazadores-recolleitores convértense en sedentarios da man da agricultura e gandería, así nacerán aldeas estables onde os primeiros campesiños desenrolarán novas actividades ó carón doutras coñecidas en tempos anteriores. Da man da sedentarización incorpóranse novas tecnoloxías como o traballo da pedra pulida, a olería e o tecido.

Consideramos o comezo da Idade de Bronce cos inicios da metalurxia do cobre, no Calcolítico -no 2.200 a.C.- e o seu remate sitúase nos albores do Castrexo cara ó ano 700 a.C. As comunidades deste período practicaban unha economía semellante a do Neolítico, dándose unha expansión da agricultura cerealeira cara ás terras máis baixas e fértiles que xunto a incorporación do arado de tracción animal permitiron a existencia de mellores colleitas. A maior produtividade dos campos e a intensificación da gandería ocasiona a existencia de excedentes alimentarios que co paso de tempo producirán o nacemento de desequilibrios sociais e económicos; desequilibrios que promoverán a aparición de grupos sociais que acaparan os excedentes e controlan a vida da comunidade.

Dispoñible para a súa itinerancia (8 paneis flexibles de 120 X 90 cm).

         

          

    

 

 

Os Habitantes dos Castros.

O Fenómeno Cultural Castrexo desenvólvese dende as fases serodias da Idade do Bronce para rematar a comezos da Idade Media, tendo o seu apoxeo na Idade do Ferro e Época Romana. Dentro deste fenómeno cultural florecen unha serie de culturas que se desenvolven ó longo do tempo baixo o común denominador do castro, do cal recibe o seu nome.

No transcorrer deste tempo os castros van mudando o seu tipo de emprazamento e as súas características morfolóxicas, mentres se documentan cambios na súa organización interior e na explotación da paisaxe.

A distribución xeográfica do castrexo coincide cunha área noroccidental da Península Ibérica que abrangue Galicia, O Bierzo, o Occidente de Asturias, o Norte de Portugal dende o Vouga, e outras áreas limítrofes.

Tradicionalmente adoitábase relaciona-lo Fenómeno Castrexo cos Celtas, hoxe en día confírmase a súa xénese a partires da evolución do mundo indíxena anterior e o contacto co resto das culturas europeas da época, tanto continentais, como atlánticas e mediterráneas. Na sociedade castrexa algúns autores quixeron ver certo carácter guerreiro, aínda que esto non é certo.

A economía baseábase, como nas épocas precedentes, na agricultura e a gandería, empregando como complemento a recolleita de froitos silvestres, a pesca, o marisqueo, e, en menor medida, a caza. Potenciábanse as relacións comerciais, especialmente co mediterráneo, así como a minería.

Na cultura material observamos un grande pulo na cerámica e tamén no traballo dos metais, especialmente da ourivería; Aínda así, seguiron facendo utensilios en pedra.

 

Dispoñible para a súa itinerancia (7 paneis flexibles de 120 X 90 cm).

         

         

A Dominación Romana.

A exposición temporal “A Dominación Romana”, continuadora dunha serie de exposicións destinadas ó achegamento cara á sociedade das características máis salientables da Prehistoria e Arqueoloxía de Galicia. Presenta, dun xeito ameno e didáctico, as particularidades da invasión e dominación romana do noso país, prestándolle unha especial atención á reacción dos nativos ante este intento de aniquilación da cultura e da sociedade autóctona. A aculturación das sociedades nativas ten lugar dun xeito desigual, tanto en intensidade, como xeograficamente.

 

Dispoñible para a súa itinerancia (7 paneis flexibles de 120 X 90 cm).

         

         

 

 

Arqueoloxía da Terra Chá.

A pesares de posuír un grande e variado patrimonio arqueolóxico, na Terra Chá, como noutras bisbarras galegas, a arqueoloxía é unha grande descoñecida para o público en xeral, pese a ser moitas as referencias que sobre xacementos chairegos insírense en diferentes obras de Historia de Galicia. A ocupación humana do noso territorio dátase hai uns cen mil anos, a partires de aí coñecemos unha gran cantidade de xacementos e achados arqueolóxicos: unha trintena de xacementos paleolíticos, máis de setecentas mámoas, máis de cento cincuenta castros, así como numerosos restos da Idade do Bronce e da Época Romana. A implantación no territorio foi desigual no tempo e no espazo, estaba condicionada polas distintas estratexias de explotación do medio, algunhas aínda pouco estudadas.

Os restos máis antigos da Terra Chá, adscritos ó Paleolítico medio, proceden de dúas localizacións ó aire libre da Serra do Xistral (Labrada, Abadín); de épocas posteriores coñecemos un grupo de xacementos do Paleolítico superior situados na parte occidental da bisbarra, nos concellos de Muras, Vilalba e Xermade, tanto acubillos, como lugares de aprovisionamento e transformación de sílex. Do derradeiro período desta época, descubríronse máis de vinte xacementos, acubillos e campamentos de cazadores, na Serra do Xistral e áreas limítrofes, xunto con outro en terras de Parga (Sta. Locaia): Pena Lliboi.

Os centenares de mámoas conservadas na Terra Chá contrastan cos escasos datos sobre asentamentos, realmente tan só contamos cun lugar de habitación claro: Prado do Inferno (Muras). Tamén coñecemos algunhas pezas achadas fora de contexto, fundamentalmente machados pulidos, espallados polos montes e leiras. Das mámoas, que aínda se conservan, non chega á ducia as que foron escavadas, e poucas delas o foron cunha metodoloxía axeitada; por iso, aínda que saibamos das formas das cámaras mortuorias, e coñezamos algúns fermosos enxovais, pouco podemos avanzar na súa seriación cronolóxica, e nas diferentes manifestacións culturais que se sucederon ó longo lapso de tempo en que foron construídas.

Na Idade do Bronce o Megalitismo chea ó seu solpor, agora as pequenas mámoas con enterramentos individuais entran en escena. Nestes contextos aparecen as primeiras mostras da metalurxia do cobre, machadas e puntas de lanza, asociadas a unhas cerámicas moi características: as campaniformes. No Bronce Final dátanse unha serie de machados e outros obxectos de bronce que apareceron en diferentes lugares da bisbarra. A esta etapa atribúense o petróglifos coñecidos.

A pesares de gran número de castros espallados pola Terra Chá, soamente no de Viladonga (Castro de Rei) e no de Bretoña (A Pastoriza) executáronse escavacións arqueolóxicas, nalgúns outros realizáronse algunhas intervencións que, xunto cos traballos agrícolas actuais, sacaron á luz diversos materiais; pero a pesares disto, os estudos sobre os restos descubertos son escasos.

Da Época Romana contamos con máis restos nos castros, que nos xacementos impulsados polos invasores, da maioría destes establecementos rurais soamente coñecémola aparición de muíños rotatorios e cerámica de construción, especialmente tégulas e ímbrices, pois ningún destes foi escavado. A isto temos que engadilo achado dalgunhas moedas, algunhas soltas e outras formando parte de tesouriños. A cerámica constitúe a meirande parte dos restos, tamén consérvanse elementos de pedra, entre os que salientan os muíños, e obxectos metálicos, como lanzas, coitelos e machados, así como algúns obxecto de adorno persoal, entre os que sobresaen os torques. Nos castros de Época Romana recóllense moedas, cerámicas feitas a molde e algúns vidros.

Dispoñible para a súa itinerancia (9 paneis flexibles de 120 X 90 cm).

         

         

         

 

Pioneiros da Arqueoloxía. “Federico Maciñeira y Pardo de Lama (1870 – 1943)”.

 Don Federico Guillermo Maciñeira Pardo de Lama naceu en Santa María de Mogor (Mañón, A Coruña) o día 3 de setembro de 1870. Comeza os estudios de bacharelato en A Coruña e Ferrol, abandonándoos para ocuparse dos seus predios na bisbarra do Ortegal. Maciñeira era un home do seu tempo, a pesares do aparente illamento ó que estaba sometido en Lama e Ortigueira estaba ó día das investigacións arqueolóxicas levadas a cabo en España e en Europa grazas á súa boa colección de libros e revistas de investigación que chegaban á súa casa, moitas delas eran órganos de expresión das diferentes sociedades científicas das que era membro.

O día 25 de xaneiro de 1943 finou na súa casa de Ortigueira. No seu testamento dispón que as súas coleccións fosen legadas á Universidade de Santiago (comisionándose para elo ó Profesor Luis Monteagudo García), que se crease un premio trianual para traballos científicos, e que fose publicada postumamente a súa obra. “Bares. Puerto Hispano de la Primitiva Navegación Occidental”. Publicada en 1945 por conta da súa familia, coa revisión de Fermín Bouza Brey, é froito desa derradeira vontade.

Dende a perspectiva arqueolóxica as súas achegas máis salientables foron o estudo dos túmulos da comarca do Ortegal, dos castros desta mesma área, e as súas escavacións arqueolóxicas en Bares que constitúen unhas das primeiras intervencións con carácter científico feitas en Galicia. A publicación destes traballos en publicacións tanto da nosa terra, como da península ibérica convertérono no arqueólogo galego máis destacado da súa época, así como o máis recoñecido en círculos internacionais.

 

Dispoñible para a súa itinerancia (4 paneis ríxidos de 120 X 90 cm).

    

    

 

Pioneiros da Arqueoloxía. “Fermín Bouza-Brey (1901 – 1973)”.

Colaborador do Grupo Nós e fundador do Seminario de Estudos Galegos, a súa principal preocupación foi o estudo dos signos de indentidade e das raíces de Galicia. Despoís da Guerra Civil, disolto o Seminario, fundará na compaña doutros estudosos o  Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

A el, en coautoría con Cuevillas, debemos a primera gran síntese da Prehistoria gallega, seguindo as liñas marcadas polo seu mestre H. Obermaier. A súa personalidade inqueda e o interese que tiña por moitas outras disciplinas, levouno a publicar unha morea de artigos dos temas máis variados, co obxectivo de dar a coñece-las particulariades da Historia, Arte e Literatura no noso país, é aquí onde reide a súa principal virtude: a documentación dun legado cultural, especialmente arqueolóxico, que sen o seu traballo quedaría perdido para sempre.

 

Dispoñible para a súa itinerancia (4 paneis ríxidos de 120 X 90 cm).

  

    

 

 

Empréstito exposicións.

As exposicións temporais cédense a outras institucións ou asociacións sen ánimo de lucro, para seren mostradas noutras instalacións. A cesión é temporal e gratuita, correndo o solicitante cos custes de transporte.

Pode descargar a solicitude premendo o seguinte botón:

 

Empréstito  Exposición

- Bloques Temáticos da Exposición Permanente -

IntroduciónI. da Pedra LascadaI. da Pedra PulidaIdade do BronceIdade do FerroÉpoca Romana