O Proxecto.

Actulizado: 16/11/2017

 

 

 

 

Patrimonio das Terras de Montenegro é un proxecto de documentación e difusión do patrimonio cultural e natural dunha área xeográfica que engloba os límites actuais da bisbarra da Terra Chá. Promovido polo Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, xunto coa Asociación de Amigos do Museo, está aberto a participación de todas aquelas persoas interesadas na conservación e difusión do patrimonio.

 

 

 

O Patrimonio Cultural e Natural reflicte a evolución das sociedades ao longo do tempo e as súas características diferenciais. Dentro deste patrimonio consideramos as manifestacións arquitectónicas, arqueolóxicas, artísticas e etnográficas, pero tamén as formacións xeolóxicas, botánicas e paisaxísticas. Estas manifestacións son testemuñas do noso legado histórico e da relación dos nosos devanceiros coa entorna física e biolóxica. O patrimonio cultural e natural encarnan o valor simbólico das identidades culturais, e constitúen chaves fundamentais para entender outras realidades. Afondar no coñecemento da nosa realidade fainos máis libres e tolerantes.

O patrimonio é, segundo a UNESCO, testemuña da experiencia humana e dos seus degoiros, debe concibirse como unha experiencia compartida onde cada membro da comunidade teña a oportunidade do descubrimento propio, de achegarse as súas orixes e o seu legado, pero tamén de comprender a diversidade cultural doutras realidades. Na comprensión da propia cultura e da diversidade allea, nace o verdadeiro entendemento cultural.

O coñecemento público deste legado é limitado, ás veces só advertido pola veciñanza más próxima. En demasiadas ocasións non comprendido en toda a súa dimensión, obviando o seu valor documental e non asimilando a súa transcendencia sociocultural. O progresivo deterioro de moitos destes elementos, e a irremediable desaparición doutros, produce unha profunda perda no legado que temos a obriga de transmitir ás xeracións vindeiras. Para paliar os perniciosos efectos desta perda, o primeiro paso a dar é a documentación dos mesmos, das súas características e do seu estado de conservación. A correcta documentación é a única base real para unha posterior divulgación e sensibilización sobre a importancia da súa conservación.

O Proxecto “Patrimonio das Terras de Montenegro” ten como obxectivo primordial a documentación dos elementos que integran o patrimonio cultural e natural desta área xeográfica. Paralelamente desenrolará actividades de difusión destes bens e de sensibilización sobre a súa importancia e necesidade de conservación. Para a consecución destes obxectivos resulta necesaria a complicidade da comunidade co proxecto, da xenerosidade individual para compartir datos e imaxes, e da vontade social para colaborar nesta iniciativa e participar nas súas actividades. Deste xeito, entre todos, achegarémonos ao coñecemento do noso legado patrimonial e asegurarémonos da súa transmisión ás xeracións vindeiras.

A través das achegas de membros do equipo e de persoas ou entidades colaboradoras estamos a formar unha serie de arquivos que recollen as características e a documentación gráfica relativa aos elementos patrimoniais. A partir deles creamos unhas funcionalidades onde a sociedade en xeral pode acceder a estes datos sistematizados no Catálogo de Elementos, no MapaWeb, e no Arquivo Gráfico.

A partires destas informacións crearanse documentos en distintos formatos para a súa divulgación. Tamén se celebrarán eventos participativos para fomentar a sensibilización cara o noso patrimonio, e para achegar á cidadanía o coñecemento xerado polo proxecto.

A participación no proxecto pode ter varias modalidades, dende a catalogación de elementos ou achega de imaxes, ate a participación en redes sociais ou a asistencia a eventos. Para fomentar a participación dos membros do proxecto establécese un programa de mencións, cos seus respectivos recoñecementos. Concibimos unha participación aberta, animando a aquelas persoas interesadas a formar parte deste engaiolante proxecto, e/ou achegarse aos eventos programados.

Na documentación medieval Terras de Montenegro, ou Condado de Montenegro, alude a un espazo xeográfico que comprendía aproximadamente a actual bisbarra da Terra Chá. Nesta primeira fase cinguímonos ao Concello de Vilalba, e aos seus elementos patrimoniais inmobles e naturais. En fases posteriores o proxecto continuará por outros concellos da bisbarra, e poderase ampliar coa incorporación do matrimonio moble e do patrimonio inmaterial.

 

 

 

 

Obxectivos.

 

O obxectivo primordial do Proxecto “Patrimonio das Terras de Montenegro” é a documentación exhaustiva do patrimonio cultural e natural desta bisbarra. Nesta primeira fase centrámonos no patrimonio inmoble e natural do Concello de Vilalba. A delimitación xeográfica e temática desta primeira fase realízase por cuestións técnicas e operativas; por mor das limitacións do servidor de datos dispoñible, xunto coa dificultade de traballar con metodoloxías documentais diferentes.

Apoiándose na base documental considéranse outros obxectivos, como son informar á comunidade sobre a existencia e características dos elementos patrimoniais, e divulgar o coñecemento xerado a partires da súa documentación. E todo isto encamiñado á concienciación sobre a importancia da protección e conservacións destes elementos.

 

 

 

 

Metodoloxía.

 

Os datos incorporados ao proxecto parten de fontes públicas e de datos subministrados por membros e colaboradores do mesmo. Estas informacións incorpóranse a tres bases de datos: Elementos Patrimoniais, Arquivo Gráfico e Bibliografía. A partires delas fórmanse os documentos esenciais do proxecto: O Catálogo de Elementos e o Mapa Web. Realizados con metodoloxía “made at home”, valéndose de utilidades SIX (Sistemas de Información Xeográfica) conxugadas con edición HTML, grazas a software libre como QGIS, Brackets e Leaflet.

A metodoloxía de documentación baséase nuns estándares aplicados en traballos semellantes. En primeiro lugar constan os datos de identificación do elemento patrimonial (nome, outras denominacións, lugar, paraxe, parroquia, coordenadas xeográficas, altitude e precisión na localización), seguidamente recóllense as súas características (adscrición tipolóxica, tipo, adscrición cronolóxica e descrición), un terceiro apartado detense na protección e accesibilidade (réxime de protección, estado de conservación e accesibilidade), e o derradeiro na documentación asociada (bibliografía e fotografías/planos). As páxinas deste sitio Web (Catálogo de Elementos, Fotografía e Bibliografía) recollen detalles sobre os campos das bases de datos e as súas variables.

 

Adscrición tipolóxica

Adscrición errada.

Xeofacto, forma erosiva, atribución errada, etc.

Xacemento arqueolóxico.

Asentamento, acubillo, mámoa, castro, achado, etc.

Arquitectura nobiliaria.

Pazo, muralla, castelo, escudo, emblema, etc.

Arquitectura relixiosa.

Igrexa, capela, cemiterio, hospital relixioso, etc.

Arquitectura civil.

Casa, escola, edificio asistencial, etc.

Arquitectura popular.

Casa de labranza, alpendre, palleira, hórreo, pombal, etc.

Arquitectura da auga.

Muíño, pesqueira, pozo, fonte, lavadoiro.

Obra de enxeñería.

Ponte, calzada, camiño, etc.

Fito relixioso ou civil.

Cruceiro, cruz, cruz loitosa, peto de ánimas, marco de termo, etc.

Museo ou centro de interpretación.

Museo, centro de interpretación, aula didáctica, etc.

Patrimonio natural.

Paraxe natural, árbore senlleira, etc.

 

Adscrición Cronolóxica

Indeterminada.

Imprecisa, descoñecida.

Paleolítico.

De 2.000.000 a.C. a 6.000 a.C. Paleolítico superior, Mesolítico....

Neolítico.

De 6.000 a.C. a 2.200 a.C. Neolítico pleno, Neolítico recente...

Calcolítico.

De 2.200 a.C. a 1.800 a.C.

Idade do Bronce.

De 1.800 a.C. a 900 a.C. Bronce inicial, Bronce medio, Bronce final.

Idade do Ferro

De 900 a.C. a 19 a.C. I Idade do Ferro, II Idade do Ferro...

Época Romana

De 19 a.C. a 411 d.C. Baixo imperio, Tardorromano...

Idade Media.

411 d.C. a 1492 d.C. Alta idade media, Plena Idade Media...

Idade Moderna.

1492 d.C.  a 1789 d.C.

Idade Contemporánea.

1789 d.C. á actualidade.

 

 

Precisión localización

 

 

Moi Baixa

> 150 m.

 

 

Baixa

150 - 50 metros.

 

 

Media

50 - 25 metros.

 

 

Alta

25 - 5 metros.

 

 

Moi alta

< 5 metros.

 

 

 

 

Réxime de protección

 

 

Non catalogado. Elemento que non está incluído en ningunha figura de protección.
Catalogado. Elemento incluído no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, nas normas subsidiarias de planeamento urbanístico, nas fichas do PXOM, ou noutra normativa urbanística ou cultural.
Ben de Interese Cultural. Elemento declarado BIC, de xeito individual ou xenérico por ministerio da lei.

 

 

Estado de conservación

 

 

Desaparecido.

Elemento que non se atopa no seu lugar orixinal e se descoñece o a súa situación actual.

Destruído.

Destrución total do elemento.

Case destruído.

Destrución do elemento nunha porcentaxe superior ao 50%.

Parcialmente destruído.

Destrución do elemento nunha porcentaxe entre o 50% e o 15%.

Levemente destruído.

Destrución do elemento nunha porcentaxe inferior ao 15%.

Reconstruído.

Elemento feito de novo, aínda que utilizando as mesmas pezas e deixando algunha parte orixinal.

Gravemente alterado. Elemento alterado con grandes adicións de novos materiais, con grandes engadidos, con perda importante das súas partes, ou con alteracións profundas motivadas por intervencións agresivas.

Alterado.

Elemento alterado con adicións de novos materiais, con engadidos, con perda das súas partes, ou con alteracións motivadas por intervencións agresivas.

Pouco alterado.

Elemento alterado con pequenas adicións de novos materiais, con pequenos engadidos, con perda mínima das súas partes, ou con pequenas alteracións motivadas por intervencións agresivas.

Non alterado.

Elemento cun estado de conservación aceptable.

Mal conservado.

Elemento cun estado de conservación deficiente debido a causas naturais.

Ben conservado.

Elemento que posúe unhas boas condicións de conservación.

Restaurado.

Elemento restaurado con técnicas axeitadas e documentación do proceso.

  

 

Accesibilidade

 

 

Non accesible.

Non se poden visualizar as súas características, ten moita maleza, o non ten acceso público.

Dificilmente accesible sen divulgación.

As súas características pódense visualizar dificilmente, non ten medios informativos.

Dificilmente accesible con divulgación deficiente.

As súas características pódense visualizar dificilmente, ten medios informativos con erros ou con escasos datos.

Dificilmente accesible con divulgación axeitada.

As súas características pódense visualizar dificilmente, ten medios informativos con información axeitada.

Visible exteriormente sen divulgación.

As súas características pódense visualizar dende vías públicas, pero atópase dentro de espazos privados, non ten divulgación axeitada.

Accesible exteriormente sen divulgación.

As súas características pódense visualizar só dende o exterior, non ten medios informativos.

Accesible exteriormente con divulgación deficiente.

As súas características pódense visualizar só dende o exterior, ten medios informativos con erros ou con escasos datos.

Accesible exteriormente con divulgación axeitada.

As súas características pódense visualizar só dende o exterior, ten medios informativos con información axeitada.

Accesible sen divulgación.

As súas características pódense visualizar completamente, non ten medios informativos.

Accesible con divulgación deficiente.

As súas características pódense visualizar completamente, non ten medios informativos.

Accesible con divulgación axeitada.

As súas características pódense visualizar completamente, ten medios informativos con información axeitada.

  

Os membros e colaboradores do proxecto envían os datos para ser incorporados, o coordinador do proxecto completa e revisa as informacións subministradas antes de ser incorporados definitivamente ás bases de datos. Para a validación dos datos utilízanse tamén as redes sociais, fomentando ao debate sobre os datos subministrados.

 A divulgación destes elementos e a sensibilización sobre a súa protección realizaranse en diferentes formatos. Utilizaranse as redes sociais e este Sitio Web para informar de novidades e das incorporacións ao catálogo de elementos. Organizaranse actividades culturais como conferencias, roteiros comentados, exposicións, quedadas para documentar, concursos e outras actividades. Tamén prepararanse publicacións cos resultados da catalogación e doutras experiencias.

 

 

 

Participación.

 

A base do proxecto é a participación cooperativa aberta a comunidade en xeral, tanto a axentes individuais, como socias e administrativos. A participación é libre e cada quen decide a forma de participación e compromiso co proxecto.

O feito de enviar datos escritos ou gráficos para seren incluídos nas bases de datos, por calquera das vías previstas (física, correo electrónico, formulario web, ou polo grupo de Facebook), supón a cesión libre e completa deles para do desenrolo do proxecto. As persoas que fan achegas de datos serán identificadas cun código persoal nas fichas do catálogo correspondentes, e tamén nos gráficos cunha sobreimpresión.

O proxecto non se pode facer responsable das actuacións persoais dos seus membros e colaboradores, especialmente en cuestións de dereitos de autor, de propiedade intelectual e de veracidade das informacións subministradas. Entendemos cas achegas de datos, de imaxes e de gráficos son de autoría de quen as envía ao proxecto, en caso contrario os membros e colaboradores deben facer constar a procedencia das mesmas.

Consideramos Membros do Proxecto aquelas persoas que forman parte do equipo do proxecto, que se rexistran facilitando uns datos persoais (nome, apelidos, e dirección de correo electrónico), e realizan unha achega de información ou envían unha imaxe. Cada membro é identificado cunha clave persoal e participa no Programa de Mencións.

Os Colaboradores non rexistrados, son aqueles que puntualmente realizan algunha achega, realizan do algún comentario na redes sociais, ou participan dalgunha actividade do proxecto.

O Programa de Mencións ten como obxectivo promover a colaboración dos membros por medio de incentivos. Os incentivos baséanse na puntuación diferencial das aportacións dos membros e do outorgamento dunhas mencións honoríficas en virtude dunhas puntuacións determinadas, segundo as seguintes táboas.

 

Contribución

Puntos

Alta completa de novo elemento.

50

Alta incompleta de novo elemento.

35

Fotografía de elemento novo.

35

Fotografía elemento catalogado.

20

Corrección esencial de datos.

25

Corrección menor datos.

10

Ampliación esencial de datos.

25

Ampliación menor de datos.

10

Opinión e/ou comentario.

1

Participación en eventos.

15

 

Nota: Puntúan fotografías representativas (vistas frontais, vistas laterais, detalles de interese, etc.) ou que mostren diferentes estados de conservación dos elementos.

Por cuestións de volume de arquivo non podemos incluír variacións sobre motivos xa documentados, agás fotografías cunha antigüidade superior aos 50 anos.

 

 

 Mencións

Puntos

Membro novel.

250

 

Membro nior.

500

 

Membro sénior.

1.500

 

Membro emérito.

2.500

 

Membro súper-emérito.

5.000

 

 

Uso dos datos.

 

O uso dos datos deste Sitio Web están suxeitos á licenza Creative Commons CC BY-NC-ND, permitindo que outros poidan descargar as informacións e as fichas do catálogo, ou compartilas con outras persoas, sempre que se recoñeza e cite a autoría de “Patrimonio das Terras de Montenegro”, pero non se poden cambiar de ningunha maneira, nin se poden utilizar comercialmente.

 

Creative Commons - Recoñecemento da Autoría –Uso Non Comercial- Sen Obra Derivada

 Creative Commons

Máis información sobre a licenza